I
Cando este cantar, poeta,
na lira xemendo entonas,
non sei o que por min pasaque as lágrimiñas me afogan,
que ante de min cruzar vexo
a Virgen-mártir que invocas,
cos pes cravados de espiñas,
cas mans cubertas de rosas.
En vano a gaita, tocando
unha alborada de groria,
sons polos aires espalla
que cán nas tembrantes ondas;
en vano baila contenta
nas eiras a turba louca,
que aqueles sons, tal me afrixen,
cousas tan tristes me contan,
que eu podo decirche:
non canta, que chora.
II
Vexo contigo estos ceos,
vexo etas brancas auroras,
vexo estes campos froridos
onde se arrullan as pombas,i estas montañas xigantes
que aló cas nubes se tocan
cubertas de verdes pinos
e de froliñas cheirosas;
vexo esta terra bendita
donde o ben de Dios rebota
e donde anxiños hermosos
tecen brillantes coroas;
mais, ¡ai!, como tamén vexo
pasar macilentas sombras,
grilos de ferro arrastrando
antres sorrisas de mofa,
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.
[...]
ROSALÍA DE CASTRO, A gaita gallega