Este mes de outubro comezamos unha nova singradura do noso club de lectura. Temos novidades que vos iremos contando. Pero o primeiro é que vos anotedes urxentemente esta semana os que aínda non o fixestes para que vexamos cántos somos finalmente.
Para comezar, podemos ter unha primeira reunión o venres 18 de outubro no 2º recreo na aula de GREGO.
Ide pensando qué lecturas queredes que compartamos, e se vos parece ben fixar os martes ás 15.45 como día e hora para as reunións.
Mentres esperamos esa reunión que nos poña en camiño, aí vai o poema do mes de setembro, Penélope de X. Mª Díaz Castro, autor ao que se adica o Día das Letras Galegas no 2014:
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.
Se premedes no enlace poderedes escoitalo cantado.
http://sondepoetas.blogspot.com.es/2007/10/penlope.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario