"Un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que agarda; esquecido, un alma que perdoa
destruído, un corazón que chora" Proverbio indú

martes, 29 de octubre de 2013

O corazón delator



O corazón delator (The Tell-Tale Heart) foi escrito no ano 1843 polo escritor estadounidense EDGAR ALLAN POE, un verdadeiro mestre da literatura de terror. Preséntanos a un home obsesionado co ollo dun vello co que convive. É un ollo azul e velado por unha tea, semellante ao dun voitre. Un ollo que o enlouquece e decide asasinalo. Pero o que realmente quere o narrador é convencernos de que non está louco. Que opinades vós?

enlace ao texto  http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/ing/poe/el_corazon_delator.htm

sábado, 26 de octubre de 2013

BOAS NOVAS

QUÉ BEN! Semella que este ano teremos varios grupos do club de lectura. Por un lado un grupo de 10 alumnos de 1º e 2º de ESO que xa nos reunimos e comezamos a ler un conto de medo, para celebrar O SAMAÍN que xa está aí. Por outro cinco grupos (sí, cinco) de Bacharelato que faremos a primeira reunión este luns no 2º recreo. 
¿É ou non é unha boa nova? Non estaría nada mal que, xa que somos moitos, algún membro do club ao que lle guste o deseño fixese un anagrama que nos representase a todos.
Vémonos a semana que vén que seguro que hai máis noticias importantes. 

jueves, 24 de octubre de 2013

É importante que os pais lean contos aos fillos?

Mentres lemos o conto e esperamos a reunirnos, podemos ir tratando e falando do primeiro tema que vos propoñemos este curso: É importante que os pais lean contos aos fillos? Que lembras desa etapa?



Aqui vos deixamos este enlace para que vaiades lendo sobre o tema.


lunes, 21 de octubre de 2013

PRIMEIRA REUNIÓN

O venres decidimos que hoxe luns, no 2º recreo, recolleremos na biblioteca un conto, e que nos reuniremos o martes 29 de outubro ás 15.45 para falar sobre o que limos. Ademáis ese día teremos unha sorpresa.
Ata entón ide mirando este blog porque falaremos do conto en cuestión...QUÉ MEDO!

jueves, 10 de octubre de 2013

BENVIDOS!

Este mes de outubro comezamos unha nova singradura do noso club de lectura. Temos novidades que vos iremos contando. Pero o primeiro é que vos anotedes urxentemente esta semana os que aínda non o fixestes para que vexamos cántos somos finalmente.
Para comezar, podemos ter unha primeira reunión o venres 18 de outubro no 2º recreo na aula de GREGO.
Ide pensando qué lecturas queredes que compartamos, e se vos parece ben fixar os martes ás 15.45 como día e hora para as reunións.
Mentres esperamos esa reunión que nos poña en camiño, aí vai o poema do mes de setembro, Penélope de X. Mª Díaz Castro, autor ao que se adica o Día das Letras Galegas no 2014:


Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.


Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.


Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.

Se premedes no enlace poderedes escoitalo cantado.
http://sondepoetas.blogspot.com.es/2007/10/penlope.html